Paco Veiga, un dos organizadores do curso fai a seguinte valoración sobre o mesmo: “O domingo, 10 de maio de 2026, rematou o VII Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico, herdeiro dos seis primeiros que promovera a AGXPT, entre 2009 e 2015, en Melide, Carballo, A Illa de Arousa, Santiago…
O reto era grande. 11 anos pasaran desde a última convocatoria pero, pendentes da valoración que o Observatorio do Patrimonio Lúdico (ao que pertence tamén a AGXPT) faga das tres intensas xornadas, varias cousas parecen constatadas:
- A capacidade de organización do Observatorio a través das entidades que o integran. Neste caso, e moi especialmente, de Xotramu Xogos Tradicionais Muimenta. Impecable o seu traballo, atentos/as a cada detalle. E tamén do Museo O Recuncho das Argalladas, de Lourenzá… sobre o que nos alegrou infinitamente comprobar o recoñecemento local (o externo xa o tiñamos constatado) a Manolo García e Pepe López, os seus artífices.
- A calidade das intervencións e, digámolo así, dos “contidos” do Curso, pois parece evidente que a formación é un camiño… Graciñas, sinceramente, a todas as persoas relatoras. Un recoñecemento especial para as administracións (a Deputación de Lugo, os concellos de Cospeito e Lourenzá…) que colaboraron na actividade e para as persoas que, desinteresadamente, nos botaron unha man, como foi o caso de Isabel Vilalba coa súa coidadísima introdución do relator-estrela do evento: Xosé Manuel Beiras. Graciñas tamén a todas as persoas asistentes, e en especial, aos nosos amigos aragoneses e cataláns por poñer o segundo chanzo da Escola de Verán de Xogos Tradicionais “Iberia Ludens”. Unha conclusión final: os xogos tradicionais (os “tradis”, en termo acuñado por Serxio Palleiro) están moi vivos e teñen moito futuro!!! Ver valoración de Silvia López