Día do peón 2025 en Padrón

Día do peón 2025 en Padrón

Por mor da chuvia que nos veu visitar polo San Martiño, tivemos que adiar o acto central do “Día do Peón” para o 26 de novembro. Chegou, pois, un día solleiro no que ninguén quixo perderse a festa no paseo do Espolón de Padrón. Baixo a atenta mirada da nosa gran poeta Rosalía de Castro, foi chegando o alumnado do Cra Dodro-Padron, do CEIP Flavia e do CEIP Rosalía de Castro. Alí agardabamos a xente de Brinquedia e do propio CONCELLO DE PADRÓN que os foron agasallando con cadanseu xogo: bailaretes para infantil e 1º de primaria, e peóns para cada alumna e alumno de 2º a 6º de primaria. Nas mesas postas para a ocasión podían dispor de rotuladores para que quixera personalizar a súa buxaina. Mentres todo isto sucedía, o artesán Xosé de Nebra, co seu ancestral torno de vara, estaba a construír peóns que pasarían a formar parte da exposición de trompos que o acompañaban nun mesa ao seu carón. Chegaron as 12, hora sinalada para que Anxo Angueira, presidente da Casa de Rosalía, nos lera un magnífico manifesto escrito por el para este día. Rematado o mesmo fíxose o tradicional lanzamento colectivo de peóns e bailaretes. Desta vez, a rapazada tivo a grata compaña do alcalde de Padrón, a concelleira de obras, membros do Observatorio do Patrimonio Lúdico e persoas a título individual que se uniran ao evento e que por alí pasaban. A continuación o alumnado de 1º de primaria do Flavia e 2º do Rosalía interpretaron un par de fermosas coreografías coas canciónsA buxaina brincadeira“, de Cantareliña; e “Os xogos“, de Migallas Teatro. Coroamos a xornada cun man a man entre o xogo trompa, con Xosé de Nebra, e o peonciño, o peón máis pequeno do mundo con Manolo Charrancas, da Agxpt Xogos Tradicionais. E así rematamos un ano máis, e xa van 19, un Día do Peón que agardemos continúe a bailar nos nosos lugares, polo menos ata ben entrado xaneiro onde os gardaremos nun caixón, no faiado ou no tellado! Moitas grazas á todas e todos pola vosa participación e colaboración. Ata outra, e que xire sen parar.

Facebook
X
WhatsApp
Telegram
Email