O pasado domingo 23 de maio de 2026 presentamos en Noia, co gallo da Feira do Libro, un relacionado co xogo, que leva por título “Patrimonio Lúdico Galego. Investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais“. Baixo a coordinación de Silvia López Gómez, Apolinar Varela e Manuela Vázquez Coto, a obra foi promovida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico, do que forma parte Brinquedia, grazas ao financiamento da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galiza.
Trátase dun libro coral no que se recollen un total de 37 artigos agrupados en 4 bloques: Arredor do xogo tradicional, Investigar o xogo tradicional, Recursos sobre o xogo tradicional e Divulgar o xogo tradicional. Nun deles, Carmela Sánchez, secretaria de Brinquedia, aborda a representación do lecer e o tempo libre na arte en Xogos e Lecer na Arte. O tempo libre nas coleccións dixitais de pintura. Pola súa banda, Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, aborda noutros dous a historia do Día do Peón e dos Encontros Escolares.
As persoas asistentes, entre as que se atopaban a Concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, que presentou o acto, e o Tenente de Alcalde Manuel Seijas, puideron desfrutar tamén dalgúns xogos aportados por Somos Enredos, quen tamén conta cun capítulo na obra. Así mesmo, convidámolos a contestar a dúas preguntas dunha pequena enquisa que argallamos para a ocasión e que tamén te convidamos a que cubras a través do seguinte enlace: enquisa.brinquedia.net. De tódolos xogos que apareceron, quedamos co do zurriagazo. O libro está á venda a través do Servizo de Publicacións da USC ou nalgunha das librarías que participaron na Feira como a ULA de Outes.